Os Ancares. En rede

2018. “En rede. Movendo ideas para facer”. Cruz Vermella Lugo promove un proceso participativo no ámbito territorial dos Ancares, a través de encontros entre axentes comunitarios do territorio, contribuíndo así a reforzar dinámicas de traballo en rede, e tamén desde o contacto con Institucións (Deputación, GDR, Universidade e Reserva de Biosfera), concellos, asociacións, e persoas residentes na comarca.

O proceso participativo pretende contribuír a mellorar a calidade de vida da poboación deste territorio. Unha realidade marcada por factores que limitan a calidade de vida da súa poboación; asociados a unha orografía de montaña, a unha poboación envellecida e fortemente dispersa, e á carencia de servizos e infraestruturas demandandos como básicos para o desenvolvemento. Con esta perspectiva, e partindo da visión e misión de Cruz Vermella, tomouse a decisión de orientar o proceso cara ao plano das necesidades sociais do territorio dos Ancares.

O proceso centrouse inicialmente nos concellos que conforman a Comarca dos Ancares: Becerreá, Baralla, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Cervantes e Navia de Suarna.

En concreto as iniciativas son:

  • Proxecto de mobilidade e acompañamento a persoas maiores con dificultades para a mobilidade no territorio
  • Proxecto de axenda cultural Web compartida entre as entidades e asociacións.
  • Proxecto de formación-inserción laboral

Deixa un comentario